Wednesday 24 de April de 2024

A Xunta declara as Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro, en Mesía, Espazo Privado de Interese Local, o primeiro na provincia da Coruña


— Ao mesmo tempo tamén aproba as normas de xestión e conservación, ás que o promotor destinará case 35.000 euros nos próximos cinco anos para manter a biodiversidade deste espazo de 74,5 hectáreas

— Na Comunidade galega existen outros dous EPIN: o de Sobreiras do Faro en Oia e os Lagos de Lousada en Xermade

A Xunta declarará oficialmente as Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro, no concello de Mesía, espazo privado de interese local, converténdose no primeiro da provincia da Coruña e no terceiro no conxunto de Galicia.

Trátase dun espazo de 74,5 hectáreas, propiedade da Casa Grande de Xanceda, unha explotación ecolóxica de referencia no agro galego, que atesoura importantes valores naturais a preservar; polo que a declaración como EPIN tamén levará asociada a aprobación dunhas normas de xestión e conservación.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou este espazo natural que rodea á Casa Grande de Xanceda, onde anunciou que xa está aprobada a Orde pola que se declara este espazo, así como as citadas normas, e adiantou que será publicada no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana.

O EPIN destaca por, entre outras características, por acoller o nacemento —na Braña do Galo— do rego de Xanceda, afluente de cabeceira do río Maruzo, da bacía do Tambre.

Ángeles Vázquez salientou que a paisaxe deste espazo contén unha ampla representación de sebes nos lindeiros dos predios, que actúan como corredores ecolóxicos e refuxio de multitude de especies animais e vexetais, e mantén pequenas zonas húmidas que conservan hábitats e especies de interese.

Así mesmo, sinalou que este espazo ostenta dúas carballeiras galaico-portuguesas, que esta mañá puido visitar, con exemplares da especie Quercus robur e Quercus pyrenaica, cun alto valor natural e etnográfico.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural constatou a singularidade deste espazo e lembrou que, unha vez declarado, a xestión do EPIN correrá a cargo do promotor, neste caso a Casa Grande de Xanceda.

Así, o promotor desta figura prevé executar nos próximos cinco anos diversas medidas para a conservación e recuperación de hábitats de interese comunitario e dos insectos polinizadores, para preservar a continuidade lineal e estrutural das sebes, e para a mellora de lugares de refuxio e cría para a fauna. Tamén se eliminarán as especies exóticas invasoras e se promoverán actividades de educación ambiental e divulgación. O conxunto de actuacións prevé un orzamento de 34.000 euros.

Durante a súa visita, Ángeles Vázquez agradeceu o traballo realizado, e que continuarán, por preservar as 74,5 ha que conforman as brañas de Casa Xanceda e recoñeceu que son un “exemplo das oportunidades“ que se abren ao axudar, colaborar e apoiar á iniciativa privada a preservar este tipo de espazos.

O xerente da Casa Grande de Xanceda, Guillermo Martinez, destacou o “traballo de análise realizado ao longo destes anos para identificar as diferentes especies que habitan cada recuncho” deste ámbito e, sobre todo, por acadar un equilibrio entre a conservación do medio ambiente e a produción ecolóxica, que no caso da Casa Grande de Xanceda está vinculada ao leite ecolóxico.

Por último, a conselleira mencionou que na actualidade en Galicia existen outros dous EPIN declarados: o de Sobreiras do Faro en Oia —no ano 2008— e os Lagos de Lousada en Xermade —en 2019—, así como 12 espazos naturais de interese local (ENIL), que son aqueles declarados pola Xunta a raíz das súas singularidades.